San Sadurniño é un dos beneficiarios das axudas anuais do INEGA para proxectos de eficiencia enerxética coas que este organismo dependente da Xunta subvenciona instalacións de paneis solares, aerotermia, xeotermia e tamén de biomasa. O Concello aproveitou esta convocatoria para acometer a reforma do sistema de calefacción na Casa da Cultura instalando alí unha caldeira de pellets automatizada. O obxectivo desta actuación é triplo: cambiar a antiga caldeira de propano, rebaixar o gasto en calefacción e apostar por unha fonte renovable e menos contaminante. O proxecto está cifrado en algo máis de 23.000 euros, ive non incluído, que se cubrirán nun 80% coa subvención do instituto autonómico.
A Casa da Cultura é un dos espazos públicos máis utilizados e tamén un dos sitios que máis custa quentar no inverno por mor do seu volume, no que entran o auditorio, a biblioteca, a aula CeMIT e outras pequenas dependencias.
Ata agora o sistema de calefacción central alimentábase cunha caldeira de gas que nos últimos tempos require un mantemento máis frecuente por mor da súa antigüidade e, ademais, xa levamos varios anos en que o gas e outros combustibles fósiles experimentan constantes variacións de prezo nas que se van alternando fortes subidas con leves baixadas.
Por esta razón, o Concello encargou un proxecto técnico -o mesmo que se presentou ás subvencións- para cambiar a vella caldeira de gas por outra que sexa máis eficiente e moderna alimentada con pellets. A decisión atende a cuestións económicas. En termos xerais, neste momento quentarse con gas anda nun prezo de 6 céntimos de euro por kWh, o gasóleo sitúase nos 6,30 céntimos/kWh. e os pellets teñen un custe medio de 5,50 céntimos de euro por kWh cando a compra deste combustible se fai por palés. Ademais, desde hai catro anos as fontes baseadas en biomasa -tanto estelas como pellets- mantiveron un prezo con escasas flutuacións ou incluso cunha lixeira tendencia á baixa.
Por outra banda tamén hai que ter en conta o que se contamina. O gasóleo e o gas non son fontes renovables e emiten á atmosfera máis CO² que os pellets que, porén, si desprenden máis partículas que o propano ou o butano. Con todo, cómpre ter en conta que o dióxido de carbono emitido pola combustión de pellets ofrece un balance “neutro” ou “cero”, posto que se trata de carbono que as plantas fixaron durante a fotosíntese e que, unha vez queimado, volvería ser absorbido pola propia vexetación.
O equipamento que se vai instalar é unha caldeira cunha potencia nominal comprendida entre os 19 e os 64 KW e certificación enerxética A+ que funcione de forma practicamente automatizada -igual que a actual-, para o que incorpora sistemas propios de alimentación e de limpeza. Ademais terá que acomodarse ao espazo dispoñible na sala da calefacción do centro cultural, onde cumprirá facer modificacións para adaptar o novo equipamento. Os cálculos feitos no proxecto técnico estiman un consumo duns 15.000 quilos de pellets ao ano.
A licitación do contrato para a subministración e instalación do equipamento figura no Perfil de Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de Contratación co Sector Público. Un total de sete empresas achegaron as súas propostas técnicas e económicas, que o Concello resolverá nos próximos días.